xoves, 17 de marzo de 2022

8M: Día Internacional da Muller

Coma cada ano (e neste 2022 xa cun chisco máis de normalidade), no IES Chamoso Lamas conmemoramos o Día Internacional da Muller, que se celebra cada 8 de marzo.

Nas xornadas previas ao 8M o alumnado colaborou en diversas actividades que permitiron evidenciar a necesidade aínda vixente de reivindicarmos a igualdade de mulleres e homes na sociedade, e visibilizar a figura de moitas mulleres que foron (e son) relevantes no decorrer dos tempos.

Así lucía a entrada ao noso instituto, cunha orixinal creación dedicada ás mulleres:


A nosa rapazada tamén elaborou un manifesto onde expuxo as súas reivindicacións para este 8 de marzo:

Nos corredores que unen os dous principais edificios do noso centro foi onde se situaron a maioría das accións conmemorativas e reivindicativas deste 8M. Entre esas diversas propostas figurou un elaborado repaso pola vida e obra de 8 mulleres de letras tomar, autoras lexendarias da literatura universal que se converteron en símbolo das mulleres que se negaron a aceptar os prexuízos da súa época.

 
 
Tamén se creou un Dicionario 8M, no que se recolleron diversos conceptos clave na loita cara a unha sociedade máis igualitaria e respectuosa coas diferenzas. Ademais, un dos espazos dedicouse á análise dalgunhas contribucións de mulleres relevantes no ámbito da economía.

 

 

 

 

 

 

Ademais, unha liña do tempo situou algúns dos fitos máis relevantes que acadou o feminismo nos últimos dous séculos e medio, tanto a nivel mundial como no eido español e galego.


E, por suposto, a nosa biblioteca tamén se enfeitou cun feixe máis de reivindicacións feministas! Ademais, na sala de profes habilitouse un espazo no que se recolle unha selección de películas para o mes do 8M, que as e os docentes que o desexen poden empregar nas súas aulas.





martes, 8 de marzo de 2022

Festexamos o Entroido 2022!

Como non podía ser doutro xeito, no Chamoso Lamas celebramos un Entroido que case case estivo á altura do de Río de Xaneiro 😜!

Durante a última semana do mes de febreiro o Meco puxo orde no noso instituto, e suxeriunos unha serie de mandatos que cumprimos relixiosamente: desde levar un zapato de cada cor ata vestirmos pezas de roupa moi coloridas... Ademais, as ordes do Meco eran acumulativas, polo que o xoves lucimos un aspecto ben peculiar!


E o venres 25 de febreiro xa foi a quenda do gran festival entroideiro, no que rapazada e profesorado festexaron estas datas como é debido. Tivemos pregón, un animado desfile de comparsas, concurso de talentos (Chamoso Talent) e ata unha xincana!
 
 
 
A temática principal foi a viaxe no tempo cara ao pasado, para a que mesmo tivemos un gran photocall con máquina do tempo incluída ⌛😉.



Ollade algunhas imaxes do desfile e do grande ambiente que vivimos nesa xornada:
 


 
 
 


 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 


 

Día de Rosalía de Castro 2022

Durante a última semana completa de febreiro, xusto antes do Entroido, puidemos festexar (e con grandísimos honores!) o Día de Rosalía de Castro, que se conmemora cada 23 de febreiro, data de nacemento da autora.

Para tan importante efeméride enchemos o Chamoso Lamas de actividades: desde a elaboración dunha revista conmemorativa ─na que alumnado de case todos os niveis puxo o seu gran de area─ ata un recital poético-musical, que tivo lugar na biblioteca, e no que estudantes, profesores/as e persoal non docente declamaron algúns dos versos rosalianos máis emblemáticos.











Semana d@s namorad@s: papiroflexia e karaoke!

Durante a semana do 14 de febreiro celebramos na nosa biblioteca unha manchea de actividades, todas elas relacionadas co amor 💕.

Unha das máis innovadoras foi o obradoiro de papiroflexia, no que estudantes e profes puidemos aprender como elaborar unhas caixiñas moi xeitosas con motivos amorosos, ben fosen para sorprender a unha persoa especial... Ou ben para autorregalarnos a nós mesmos/as!


 



Ademais, durante toda esa semana tivemos un karaoke de San Valentín nos recreos, onde alumnado e profesorado interpretaron unha coidada selección de cancións románticas, moi axeitadas para a época 😉, e cun acompañamento de luxo ao piano.







11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Velaquí vos deixamos unha imaxe do material elaborado para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia!



mércores, 2 de febreiro de 2022

DÍA DA PAZ 2022

O pasado 30 de xaneiro foi o Día da Paz, e desde o IES Manuel Chamoso Lamas quixemos celebrar esta data tan sinalada cun taboleiro conmemorativo na entrada do instituto, e outro panel máis no que recollemos o que significa a paz para cada un/unha de nós. Todo sempre coa colaboración do voluntariado da biblioteca!





Ademais, tamén tivemos uns xenerais moi particulares, que luciron uns galóns ben pacíficos... Fixádevos, fixádevos ben...



...e mesmo houbo música para loitar contra as violencias!




martes, 21 de decembro de 2021

NADAL e NOVIDADES

 No Chamoso xa estamos preparados para a celebración do Nadal. Para elo os alumnos, decoraron CDs con distintos motivos destas festas.



Como agasallo deíxanos un montón de Novidades, que podedes levar para ler nas vacacións.


Dende o equipo da biblioteca desexámosvos moi Feliz Nadal e  Próspero Aninovo







luns, 20 de decembro de 2021

DECEMBRO: Dereitos Humanos e Constitución

 O mes comenza coas conmemoracións do aniversario da Constitución o dia 6 e do Día Mundial dos Dereitos humanos o día 10.

As voluntarias da Biblioteca prepararon o panel que loce na entrada do instituto.