xoves, 24 de marzo de 2022

Día da Poesía 2022

Este pasado 21 de marzo foi o Día Mundial da Poesía, e para celebralo as alumnas de Literatura Universal de 1º de bacharelato estenderon por todo o noso instituto unha novidosa Acción Poética que non deixou a ninguén indiferente 😉. Esta iniciativa inspírase no movemento literario latinoamericano do mesmo nome, no que se sitúan versos en lugares visibles para chamar a atención da xente.

Como podedes apreciar nas seguintes imaxes, a poesía encheu moitos recunchos do Chamoso Lamas!


 










xoves, 17 de marzo de 2022

8M: Día Internacional da Muller

Coma cada ano (e neste 2022 xa cun chisco máis de normalidade), no IES Chamoso Lamas conmemoramos o Día Internacional da Muller, que se celebra cada 8 de marzo.

Nas xornadas previas ao 8M o alumnado colaborou en diversas actividades que permitiron evidenciar a necesidade aínda vixente de reivindicarmos a igualdade de mulleres e homes na sociedade, e visibilizar a figura de moitas mulleres que foron (e son) relevantes no decorrer dos tempos.

Así lucía a entrada ao noso instituto, cunha orixinal creación dedicada ás mulleres:


A nosa rapazada tamén elaborou un manifesto onde expuxo as súas reivindicacións para este 8 de marzo:

Nos corredores que unen os dous principais edificios do noso centro foi onde se situaron a maioría das accións conmemorativas e reivindicativas deste 8M. Entre esas diversas propostas figurou un elaborado repaso pola vida e obra de 8 mulleres de letras tomar, autoras lexendarias da literatura universal que se converteron en símbolo das mulleres que se negaron a aceptar os prexuízos da súa época.

 
 
Tamén se creou un Dicionario 8M, no que se recolleron diversos conceptos clave na loita cara a unha sociedade máis igualitaria e respectuosa coas diferenzas. Ademais, un dos espazos dedicouse á análise dalgunhas contribucións de mulleres relevantes no ámbito da economía.

 

 

 

 

 

 

Ademais, unha liña do tempo situou algúns dos fitos máis relevantes que acadou o feminismo nos últimos dous séculos e medio, tanto a nivel mundial como no eido español e galego.


E, por suposto, a nosa biblioteca tamén se enfeitou cun feixe máis de reivindicacións feministas! Ademais, na sala de profes habilitouse un espazo no que se recolle unha selección de películas para o mes do 8M, que as e os docentes que o desexen poden empregar nas súas aulas.





martes, 8 de marzo de 2022

Festexamos o Entroido 2022!

Como non podía ser doutro xeito, no Chamoso Lamas celebramos un Entroido que case case estivo á altura do de Río de Xaneiro 😜!

Durante a última semana do mes de febreiro o Meco puxo orde no noso instituto, e suxeriunos unha serie de mandatos que cumprimos relixiosamente: desde levar un zapato de cada cor ata vestirmos pezas de roupa moi coloridas... Ademais, as ordes do Meco eran acumulativas, polo que o xoves lucimos un aspecto ben peculiar!


E o venres 25 de febreiro xa foi a quenda do gran festival entroideiro, no que rapazada e profesorado festexaron estas datas como é debido. Tivemos pregón, un animado desfile de comparsas, concurso de talentos (Chamoso Talent) e ata unha xincana!
 
 
 
A temática principal foi a viaxe no tempo cara ao pasado, para a que mesmo tivemos un gran photocall con máquina do tempo incluída ⌛😉.



Ollade algunhas imaxes do desfile e do grande ambiente que vivimos nesa xornada:
 


 
 
 


 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 


 

Día de Rosalía de Castro 2022

Durante a última semana completa de febreiro, xusto antes do Entroido, puidemos festexar (e con grandísimos honores!) o Día de Rosalía de Castro, que se conmemora cada 23 de febreiro, data de nacemento da autora.

Para tan importante efeméride enchemos o Chamoso Lamas de actividades: desde a elaboración dunha revista conmemorativa ─na que alumnado de case todos os niveis puxo o seu gran de area─ ata un recital poético-musical, que tivo lugar na biblioteca, e no que estudantes, profesores/as e persoal non docente declamaron algúns dos versos rosalianos máis emblemáticos.











Semana d@s namorad@s: papiroflexia e karaoke!

Durante a semana do 14 de febreiro celebramos na nosa biblioteca unha manchea de actividades, todas elas relacionadas co amor 💕.

Unha das máis innovadoras foi o obradoiro de papiroflexia, no que estudantes e profes puidemos aprender como elaborar unhas caixiñas moi xeitosas con motivos amorosos, ben fosen para sorprender a unha persoa especial... Ou ben para autorregalarnos a nós mesmos/as!


 



Ademais, durante toda esa semana tivemos un karaoke de San Valentín nos recreos, onde alumnado e profesorado interpretaron unha coidada selección de cancións románticas, moi axeitadas para a época 😉, e cun acompañamento de luxo ao piano.







11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Velaquí vos deixamos unha imaxe do material elaborado para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia!